Atención ao usuario e incidencias: 900 810 103

O CONSORCIO DE AUGAS DO LOURO APROBA CONVENIOS CON AUGAS DE GALICIA E OS CONCELLOS DE MOS, O PORRIÑO E SALCEDA DE CASELAS POR UN IMPORTE SUPERIOR A UN MILLÓN DE EUROS

O Consorcio de Augas do Louro, na súa sesión extraordinaria do 21 de xullo, aprobou o asinamento dos convenios de colaboración entre Augas de Galicia e os Concellos de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas para acometer, incorporar ao patrimonio público municipal e garantir a posta en servizo, explotación, conservación e mantemento de novos ramais de saneamento nestes Concellos.

Augas de Galicia farase cargo do 100% da inversión, levando a cabo as actuacións consistentes na contratación da execución e dirección das obras así como a xestión das mesmas ata completar a súa finalización conforme aos proxectos aprobados.

Unha vez finalizadas as obras, estas pasarán a ser titularidade dos concellos beneficiarios, sendo o Consorcio de Augas do Louro o ente responsable da súa posta en servizo, explotación e mantemento.

No Concello Mos, a parroquia de Pereiras contará con nove ramais de colectores no lugar de Roublín, cunha lonxitude de 2.058 metros e un valor aproximado de 500.000 euros, que dará servizo a 114 vivendas e cerca de 250 persoas.

No Concello de O Porriño, a parroquia de Budiño contará novas redes de saneamento que permitirán, ademais, conectar co sistema xeral de saneamento redes existentes en Vacaría, co obxecto de dar servizo a cerca de 250 persoas, cunha inversión duns 425.000 euros.

No Concello de Salceda de Caselas, as obras que se pretenden executar consisten na execución de dous ramais de colectores que permiten conectar á rede existente a un núcleo de vivendas en Pomar de Suso, Arrotea que aínda non dispoñen de saneamento. A inversión comprometida será de cerca de 135.000 euros.

Con este acto materialízase novamente o apoio de Augas de Galicia aos Concellos integrantes no Consorcio para a ampliación dos servizos de saneamento, de acordo coa programación establecida conxuntamente en marzo deste mesmo ano, e continuando unha colaboración que durante o ano 2015 acadou, por exemplo, a finalización de importantes obras de saneamento na parroquia de Budiño en Salceda de Caselas ou a posta en servizo do bombeo de Areas, en Tui, que permitirá levar as augas residuais de preto de 4.000 habitantes de Areas, Pexegueiro, Malvas e Randufe ata a depuradora de Guillarei.

Arquivos relacionados: